O IEU visita o Instituto de Estudos Carballiñeses
O sábado 29 de xuño de 2019 o Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) foi invitado polo Instituto de Estudos Carballiñeses (IEC) á presentación en O Carballiño da súa revista Ágora do Orcellón e do libro de X.A. Gulías O románico na comarca do Carballiño.
O Instituto de Estudos Ulloáns estivo representado por Hilda García Cabanas e por Francisco Pardo, que, acompañados en todo momento por Xoán Ignacio Fonseca (delegado de relacións exteriores do IEC e socio numerario do IEU), asistiron tamén ao xantar de irmandade no que non faltou o famoso polbo de O Carballiño.
Na presentación das dúas publicacións, ademais de autoridades da comarca e de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, interviñeron o presidente do Instituto de Estudos Carballiñeses, Avelino Muleiro, e o seu socio de honra, Xesús Alonso Montero (tamén socio de honra do IEU), que agradeceron a visita do presidente do IEU e resaltaron a importancia do labor de dinamización cultural dos Institutos de Estudos nas diferentes comarcas e de visitas como esta que son o preludio de próximas colaboracións entre ambos institutos.