Presentación do calendario de fauna da finca de Quintas (Palas de Rei)
O 4 de marzo o Instituto de Estudos Ulloáns presentou no IES do Camiño de Palas de Rei un calendario do 2024 con texto e ilustracións da fauna da finca de Quintas (Palas de Rei). O biólogo e consultor mediambiental Xurxo Mouriño, coordinador da Sección de ciencias, medioambiente e educación ambiental do IEU, falou e comentou cada un dos animais que acompañan aos meses do calendario, debuxados polo alumnado do centro educativo coa colaboracón do departamento de Ciencias Naturais e Artes Plásticas, e texto do propio Xurxo Mouriño e de Cristina Varela,
A avefría de xaneiro, a papuxa do mato en xullo, ou o tritón marmorado de decembro, entre outros animais, van colmando o decurso do ano mes a mes. Coñecemos costumes deles, reparamos en que existen e nos acompañan na biodiversidade, lembramos e recuperamos os seus nomes e vocabulario propio.
O IES do Camiño agradeceu ao IEU, e en especial a Hilda García Cabanas e a Xurxo Mourino, o seu traballo e achega nesta iniciativa para que rapaces e rapazas ulloáns coñezan, valoren e estimen a riqueza natural na que viven.