Presentación de Relatos da Ulloa no Centro Galego de Londres

Presentación de Relatos da Ulloa no Centro Galego de Londres, Francisco Pardo, Instituto de Estrudos Ulloáns   O venres 6 de setembro de 2019 presentamos no Centro Galego de Londres o libro Relatos da Ulloa, proxecto editorial do Instituto de Estudos Ulloáns financiado por GADIS.

Presentacion de Relatos da Ulloa, Centro Galego de Londres, Instituto de Estudos Ulloáns

Conforme á idea de que “Cada ulloán é A Ulloa, e A Ulloa viaxa con cada Ulloán”, o libro foi presentado por Francisco Pardo Teijeiro, director do IEU e promotor do proxecto, que describiu en primeiro lugar as peculiaridades da comarca da Ulloa como paradigma da Galicia interior, así como o ámbito e obxectivos do Instituto de Estudos Ulloáns, e a continuación falou da xustificación da edición do libro, do que se levan editado 31.000 exemplares, en canto recuperación da tradición literaria galega do relato curto e promoción da comarca lucense. Continuou a súa exposición cunha breve observación sobre o coordinador literario (o escritor, filólogo e historiador Xulio Pardo de Neyra) e cada un dos catorce autores/as que aportaron desinteresadamente o seu relato para ser publicado polo IEU (Marica Campo, María Canosa, María do Cebreiro, Manuel Darriba, Xosé Duncan, Germán Fente Pardo, María Xosé Gómez Alvite, Beatriz Maceda Abeleira, Xulio Pardo de Neyra, Enma Pedreira, Carlos Penela, Charo Pita, Arantza Portabales, Eli Río), e finalizou coa lectura duns parágrafos do relato Devoración da escritora Emma Pedreira.

Ao finalizar a intervención de Francisco Pardo estableceuse un coloquio co presentador e os asistentes ao acto, entre os que se encontraban tanto socios/as do Centro Galego de Londres como do Instituto de Estudos Ulloáns.

   Relatos da Ulloa xa fora presentado aos medios o 9 de maio, no Museo do Pobo Galego, por representantes de GADIS, do IEU e da Fundación Antonio Fraguas. Editáronse para esa ocasión 30.000 exemplares que GADIS distribuiu o 16 de maio por toda Galicia con motivo do Día das Letras Galegas 2019.

Decidiuse posteriormente, por acordo da Xunta de Goberno do IEU e coa conformidade de GADIS, de enviar tamén exemplares de Relatos da Ulloa ás bibliotecas públicas de Galicia e de Institucións e Universidades galegas, así como aos centros galegos no exterior máis importantes, tanto de Europa como de América. Paralelamente, socios/as e escritores/as do IEU participan no proxecto, utilizando os seus propios recursos, presentando o libro, ademais de Londres, en Buenos Aires, Barcelona e diferentes centros galegos do País Vasco, destinos da maior parte dos emigrantes da Ulloa.

Socios do Instituto de Estudos Ulloáns no Centro Galego de Londres, presentación Relatos da Ulloa, web
Na fotografía, socios e socias do Instituto de Estudos Ulloáns no Centro Galego de Londres.
Presentación de Relatos da Ulloa no Centro Galego de Londres, Instituto de Estudos Ulloáns

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn