Presentación dos actos de homenaxe a Lorenzo Varela

resultados
O Concello de Monterroso, asesorado por unha comisión de especialistas na obra literaria do poeta e coa colaboración do Instituto de Estudos Ulloáns, está a organizar diversas actividades que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses en homenaxe ao escritor e xornalista Lorenzo Varela, do que se cumpren cen anos do seu nacemento o día 10 de agosto de 2016.

Con tal motivo, convocouse unha rolda de prensa o  día 25 de maio de 2016, ás 12:30 h, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6) e á que asistiron, en representación da comisión organizadora dos actos, Jesús Otero Calvo (alcalde do Concello de Monterroso), Xesús Alonso Montero (presidente da Real Academia Galega), Francisco Pardo Teijeiro (presidente do Instituto de Estudos Ulloáns) e Fernando Salgado García (xornalista e biógrafo de Lorenzo Varela).  No transcurso da rolda de prensa déronse  a coñecer algúns dos actos que están programados para conmemorar o centenario do nacemento do escritor orixinario de Monterroso, e en concreto as bases polas que se rexerá o certame literario-pedagóxico sobre a súa poesía tanto galega como castelá. Neste certame outorgaranse tres premios en cada unha das dúas modalidades: o primeiro dotado con mil euros, o segundo, con setecentos, e o terceiro, con trescentos. Igualmente, os seis traballos que resulten premiados publicaranse nun volume do que se fará unha edición ampla, destinada, fundamentalmente, aos centros de ensino de Galicia (e outros que o soliciten).

 

 

Relacionado:

Díptico do certame literario…

 

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn