Presentación do libro “Antas de Ulla no centro xeográfico de Galicia”
O sábado 26 de marzo de 2022 foi presentado en Antas de Ulla o libro Antas de Ulla no Centro Xeográfico de Galicia, coordinado por Aldara García Gómez e María José Gómez Alvite e editado pola Deputación de Lugo e o Instituto de Estudos Ulloáns.
A presentación tivo lugar na igrexa románica de San Xoán de Antas de Ulla, cedida para esta ocasión polo Bispado e Lugo e a Parroquia de Antas, que xa colaboraron co IEU en anteriores actividades culturais. Foi responsable da coordinación da presentación o directivo do IEU Xosé Luis Santiso.
Interviron no acto Pilar García Porto, deputada provincial e responsable da Área de Turismo da Deputación de Lugo; María José Gómez Alvite, coordinadora da edición e coordinadora da sección de Historia do IEU; e Francisco Pardo, director do IEU. Ao inicio e ao remate das intervencións os asistentes poideron desfrutrar das interpretacións con instrumentos de vento dos músicos Andrea Santiso e Víctor, membros da Banda Municipal de Antas.
Trátase do segundo libro monográfico do IEU sobre a comarca da Ulloa. O primeiro foi As Feiras de Monterroso, e no ano próximo publicaremos outro centrado en Palas de Rei, coordinada toda a colección por María José Gómez Alvite.
O libro Antas de Ulla no Centro Xeográfico de Galicia abrangue temas moi diversos, dende historia, xornalismo, xeografía, bioloxía, persoeiros, etnografía, arte, musica, ata creación literaria, referidos todos eles ao concello de Antas de Ulla. Son tamén moitos e representativos os autores e autoras deste libro monográfico: Ana Moure Soengas, Asociación Cultural e musical Tesmenteira, Cristina Varela Cadahía, Fernando García Penas (Fernando da Serra), Francisco Pardo Teijeiro, Hilda García Cabanas, María José Gómez Alvite, Mercedes Somoza López, Paco Ledo, Sandra GodedMillán, Técnicos de ordenación do territorio do IEU, Toño Núñez, Xesús Antonio Gulías Lamas, Xulio Pardo de Neyra, e Xurxo Mouriño Lourido, a maior parte deles socios e socias do Instituto de Estudos Ulloáns.
María Xosé Gómez Alvite, Pilar García Porto e Francisco Pardo Teijeiro na presentación do libro Antas de Ulla no centro xeográfico de Galicia
De esq. a der.: Victor, Andrea Santiso, Francisco Pardo, Pilar García Porto e María Xosé Gómez Alvite
Público asistente á presentación do libro
Divulgación nos medios de comunicación:
Deputación de Lugo https://www.deputacionlugo.gal/gl/node/77349
LugoXa https://galiciaxa.com/2022/03/lxa/zonas-lxa/antasulla-lxa/144746/ Descargar en pdf
Enfoques.gal https://enfoques.gal/lugo/la-diputacion-lucense-publica-antas-de-ulla-no-centro-xeografico-de-galicia/ Descargar en pdf
culturaliagz.com http://culturaliagz.com/o-ieu-presenta-o-libro-antas-de-ulla-no-centro-xeografico-de-galicia-na-igrexa-romanica-de-san-xoan-de-antas-de-ulla
El Progreso 28/3/2022