Rolda de prensa do IEU sobre o centro xeográfico de Galicia
Hilda García Cabanas, María José Gómez Alvite, Francisco Pardo Teijeiro e Jesús Otero Calvo na rolda de prensa sobre o Centro Xeográfico de Galicia
O xoves 19 de decembro de 2019 o Instituto de Estudos Ulloáns convocou unha rolda de prensa no Centro de Prensa da Asociación de Prensa de Lugo na que se deu a coñecer aos medios de comunicación o informe emitido, a petición do IEU, polo Instituto Geográfico Nacional (Ministerio de Fomento) e asinado por Pablo Carballo Cruz, director do Servizo Rexional do IGN, no que se detalla a localización exacta do Centro Xeográfico de Galicia en coordenadas xeográficas ETRS89:
7º 54´ 38,99´´ W
42º 45´ 25,15´´ N
punto situado na finca O Toxal da Revolta, na aldea de Nugallás, parroquia de San Fiz de Amarante, concello de Antas de Ulla, comarca de A Ulloa.
Con este informe oficial e definitivo o IEU da por pechados os debates de carácter científico sobre a situación do Centro Xeográfico de Galicia, alleos todos eles aos slogans publicitarios que poden levar ao público a confusións, como son o slogan “Corazón de Galicia” creado polo banqueiro Alejandro de Soto e rexistrado polo concello de Chantada na Oficina de Patentes de Madrid , ou o slogan “Km O” creado polo escritor Armando Vázquez inspirado no célebre Matemático Rodríguez e que foi rexistrado polo concello de Lalín.