Visita do IEU aos Petróglifos de San Fiz de Amarante (Antas de Ulla)
O domingo 2 de xullo o Instituto de Estudos Ulloáns visitou os petróglifos de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla. A visita foi organizada por María José Gómez Alvite, coordinadora da sección de Historia, e guiada polos socios do IEU Carlos Méndez e Cristina Varela, expertos no tema e bos coñecedores do Monte de San Fiz.
Trátase da cuarta visita cultural do Instituto de Estudos Ulloáns. A primeira foi ao Museo etnográfico de Monterroso, guiada por Carlos Méndez; a segunda ao Castelo de Pambre, guiada polo arquitecto Xurxo Salvador; e a terceira á igrexa de Fente, guiada novamente por Carlos Méndez.
É un dos obxectivos do IEU organizar visitas culturais, en principio con frecuencia dunha vez ao mes, a distintos enclaves patrimoniais da comarca da Ulloa. Nesta ocasión, a organizadora, a filóloga e historiadora monterrosina María José Gómez Alvite elixiu a contorna do Monte de San Fiz en Antas de Ulla pola súa importante riqueza de gravados rupestres.
Na visita percorreuse, entre outros, o Monte de Chaos, onde se puideron observar diferentes grupos de petróglifos dos que se adxunta a ficha correspondente.
Concluíu a visita cunha posta en común na que se resaltou a necesidade de solicitar ás administracións a creación de figuras e elementos de protección dos petróglifos de Antas de Ulla, así como da instalación de carteis indicadores que sirvan para localizar estes gravados e de paneis informativos que poñan en valor estas magníficas mostras de arte rupestre da comarca da Ulloa.