Visita do IEU a Ligonde (Monterroso)
O domingo 20 de maio o Instituto de Estudos Ulloáns visitou a parroquia de Ligonde (Monterroso), situada no camiño de Santiago francés.
Guiados pola historiadora María José Gómez Alvite, os membros do IEU visitaron en Ligonde a fonte de A Previsa, necesitada dunha limpeza; a capela de San Marcos do pazo de os Lameiros, onde existiron unhas “cadeas do perdón”; o vello carballo de Ligonde, xunto ao fermoso cruceiro de Ares de Uloa; a fonte do Hospital de peregrinos, que precisa dunha urxente rehabilitación; a “Casa do Hospital”; o sorprendente castro, con muralla e contramuralla extraordinariamente conservadas; as cazoletas de sacrificios e as cisternas, fora das murallas do castro; o cemiterio de peregrinos; os sepulcros medievais de Eirexe; a igrexa románica de Eirexe, cos escudos dos señores de Os Lameiros e dos Cabaleiros Templarios.
Un castro sorprendentemente ben conservado e un valioso conxunto arquitectónico medieval, en pleno Camiño de Santiago, fan de Ligonde unha xoia patrimonial da Ulloa que é preciso rehabilitar e conservar.