Visita do IEU a San Martiño de Fente (Monterroso)
O pasado 14 de maio o Instituto de Estudos Ulloáns realizou unha visita a San Martiño de Fente (Monterroso), parroquia na que existiu unha torre medieval. No século XII Fente foi un dos lugares de residencia dos Condes de Galicia, D. Raimundo de Borgoña, e Dona Urraca, filla de Alfonso VI e de Constanza de Borgoña, e máis tarde raíña de Galicia, León, Castela e Toledo. En 1155 estas terras foron doadas ao mosteiro de Sobrado polo seu fillo, o rei Afonso VII, rei de Galicia, León e Castela, e do que foi aio Pedro Froilaz, Conde de Traba.
Guiados por Carlos Méndez, os socios do IEU visitaron a igrexa románica de San Martiño de Fente, que conserva elementos románicos de gran valor como o tímpano, os capiteis do arco triunfal ou a ventá da ábsida.
Na aldea de Graña púidose contemplar a fachada principal da Casa Grande da Graña, á que é adxacente a capela de Santa Minia, moi popular xa que nela facían os recrutas as súas ofrendas ao incorporarse á vida militar. Destaca, na mesma aldea de A Graña, un terreo de labranza con balado circular que se empregaba noutras épocas para o cultivo do liño.