Visita do IEU a Vilar das Donas

1O pasado 17 de decembro o Instituto de Estudos Ulloáns visitou Vilar das Donas (Palas de Rei)   na saída organizada pola historiadora María José Gómez Alvite, que , coma nas anteriores visitas guiadas do IEU a lugares de interese histórico da Ulloa, elaborou a correspondente ficha informativa sobre monumentos e espazos de interese.

A visita iniciouse en Ligonde (Monterroso) co fin de visualizar e reivindicar o camiño alternativo do Camiño Francés no que os peregrinos deixaban a variante que ía a Lestedo para dirixirse directamente ao Vilar e de alí a Palas de Rei.

2

Unha vez en Vilar das Donas visitouse en primeiro lugar a igrexa e o mosteiro santiaguista, contando coas explicacións da profesora, noutrora guía deste espazo patrimonial, Orpidia Expósito Castro, así como dos comentarios do coñecido sancristán e guía local Jesús García. Púidose desfrutar nesta igrexa de San Salvador da fermosa portada, con elementos románicos e góticos, as portas coas famosas ferraxes, a pía bautismal, as imaxes pétreas, o baldaquino rematado cunha representación do Castelo de Pambre, as cruces nos perpiaños, o retablo pétreo, os sepulcros, o retablo barroco… As pinturas murais, dun gótico tardío, non se puideron ver debido aos andamios instalados para a súa inminente restauración.

3

A continuación percorreuse a contorna do mosteiro (fonte, cruceiro, casa reitoral) e subiuse ata a capela veciñal, supostamente edificada polos veciños de Vilar de Donas fartos de que os Milites Christi lles prohibiran a entrada na igrexa mosteiral ao non gozar do requisito de dignidade nobiliaria. Todo este espazo patrimonial está pendente dunha próxima restauración.

ComparteShare on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn